Wolfgang Amadeus Mozart en Italia

Mapa que mostra as principais cidades visitadas durante a primeira viaxe por Italia, entre decembro de 1769 e marzo de 1771. A liña negra mostra a ruta principal externa dende Salzburgo a Nápoles. A liña verde marca os desvíos tomados durante a viaxe de volta.[a]

Entre 1769 e 1773, o mozo Wolfgang Amadeus Mozart e seu pai, Leopold, fixeron tres viaxes a Italia. A primeira delas, que tivo unha duración de 15 meses, foi financiado mediante actuacións para a nobreza e concertos públicos, e percorreron as cidades italianas máis importantes. Nas súas viaxes posteriores chegaron a Milán, para que Wolfgang completara as óperas que lle encargaran alí durante a súa primeira visita.

Leopold estivera empregado dende 1747 como músico na corte arcebispal de Salzburgo, converténdose en segundo mestre de capela en 1763, aínda que tamén tería adicado moito tempo á educación musical de Wolfgang e a súa irmá Nannerl. Emprenderon unha «gran viaxe» entre 1764 e 1766, e pasou parte de 1767 e a maior parte de 1768 con eles na capital imperial, Viena. A actuación dos nenos cativou o público, sobre todo nas primeiras viaxes, e causaron unha impresión considerable na sociedade europea. Contra 1769 Nannerl alcanzara a maioría de idade, mais Leopold estaba ansioso por continuar a educación de Wolfgang (que tiña 13 anos) en Italia, un destino de suma importancia para calquera compositor novo do século XVIII.

Dende a perspectiva do desenvolvemento musical de Wolfgang, as tres viaxes tiveron un éxito considerable. Durante a primeira viaxe, as actuacións de Wolfgang foron ben recibidas e o seu talento chegou a recoñecerse con honores, incluíndo unha Cabalería Papal e a súa afiliación nas principais sociedades filharmónicas. A pesar da súa xuventude, recibiu encargos para escribir tres óperas para o famoso Teatro Regio Ducal de Milán, cada unha das cales recibiu aclamacións por parte da crítica e o público. Ademais, coñeceu a moitos dos principais músicos de Italia, incluíndo o famoso teórico Giovanni Battista Martini, co que estudou en Boloña. Leopold tamén esperaba que Wolfgang, e posiblemente el mesmo, obtivera un prestixioso nomeamento nunha das cortes italianas dos Habsburgo. Este obxectivo fíxose aínda máis prioritario cando as posibilidades de promoción de Leopold en Salzburgo diminuíron; pero os seus persistentes esforzos por asegurarse un posto desgustaron á corte imperial, que excluíu calquera posibilidade de éxito. As viaxes, polo tanto, finalizaron cun regreso non moi triunfante, así como con certa decepción e frustración.

  1. Sadie 2006, pp. 179-233.


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search